Este poemario foi acollido con agarimo e parabéns pola crítica literaria do seu tempo. Decenas de escritores e xornalistas de toda a Península Ibérica loaron as virtudes, inspiración e pericia do poeta ourensán para a escrita. Lin Volvoretas, por primeira vez, coa atención e paixón de quen observa e escoita a un veciño que admira, pero ao que en realidade descoñece; e co que mantén unha longa e interesante conversa na que departen practicamente de todo o divino e o humano, coma vulgarmente se di.